Monday 06 de May de 2024

Fene abre o prazo de solicitude das axudas para as entidades do municipio


Tamén hai reservados outros 72.700 euros para convenios nominativos destinados a eventos puntuais de especial relevancia e para colaborar con entidades asistenciais
Ata as 14.00h. do día 28 de outubro permanecerá aberto o prazo para que as asociacións e clubes de Fene poidan solicitar acollerse á liña de axudas municipais de concorrencia competitiva. A convocatoria presenta este ano tres novidades principais. A primeira é que se admitirán como xustificación gastos de funcionamento -subministracións, obras, reparacións, etc.-. Por outra banda, a partida global das subvencións sobe até os 119.500 euros, incrementando ademais os límites máximos que poderá percibir cada entidade. E, en terceiro lugar, o período subvencionable será o 2019-2020, co obxectivo de corrixir o desfase anual que viña producíndose entre as actividades efectuadas polas entidades e o momento en que o consistorio convocaba as axudas. As bases da convocatoria publicáronse esta mañá no BOP e o departamento municipal de Cultura e Deportes ofreceralles asesoramento ás entidades para tramitar as solicitudes.

A liña de axudas en concorrencia competitiva ten a finalidade de sufragar a actividade xeral que levan a cabo os colectivos ao longo do ano. As programacións víronse truncadas en boa parte dos casos debido á excepcionalidade da situación. Porén, o Concello introduciu varias cambios nas bases co obxectivo de que as entidades poidan dispoñer dos fondos que precisen.

A partida global dedicada a este concepto medrou nun 50%, posto que se pasa dos 79.000 euros do ano pasado aos 119.500 deste 2020. O incremento obedece á regularización dos períodos subvencionables, posto que esta convocatoria cubrirá os programas e gastos correntes que se fixeran en 2019 e 2020, incluídos os cursos e tempadadas 2018/19 e 2019/20 no caso das Anpas e clubes deportivos. Isto permitirá acompasar as axudas cos anos en que se desenvolvan as actividades, tal e como reclamaban as entidades.

Tamén aumenta contía máxima que poderá percibir cada colectivo, xa que se pasa dos 8.000 aos 12.000 euros de tope no caso das entidades culturais e deportivas. As asociacións de pais e nais dos centros escolares poderán percibir até 3.750€, é dicir, 1.250 euros máis que na convocatoria de 2018.

A efectos de xustificación admitiranse como válidos os gastos correntes e de funcionamento -organización de eventos e actividades, consumos enerxéticos, obras que non se consideren investimentos, merca de material de oficina e non inventariable, etc.-, de maneira que as asociacións poderán percibir axudas neses conceptos aínda que este ano se visen obrigadas a suspender os seus programas.

As entidades do municipio poderán presentar as súas solicitudes até as 14.00h. do día 28 de outubro, atendendo ás bases publicadas este mércores no BOP. O Concello simplificaralles o trámite reducindo a documentación xeral que se deberá presentar canda á petición. Ademais, o departamento de Cultura e Deportes envioulles aos colectivos unha guía sobre a convocatoria e tamén lles ofrece asesoramento para preparar a documentación ou solventar dúbidas. Teñen que solicitar cita previa no 607 616 151 ou ben enviar un correo a cultura.deportes@fene.gal.

Convenios nominativos
Xunto coa liña de concorrencia competitiva, o Concello de Fene tamén ten aberto o prazo para presentar a documentación relativa ás subvencións nominativas, destinadas a financiar eventos ou actividades de especial interese.

A este apartado dedícanse 72.700 euros, cos que se colaborará nun total de 9 actos culturais, no mantemento dos comedores xestionados polas anpas de Centieiras e dos Casais, na organización do Slalom de Fene e nas accións de promoción do comercio local da asociación O Cruceiro. Desta partida tamén se nutrirán as subvencións para entidades relacionadas coa seguridade e a asistencia social, como son a Agrupación local de Protección Civil, a Asociación Dignidad -colaboradora no programa municipal de alimentos-, ASPANEPS ou a asociación ASCM.

As entidades beneficiarias teñen até o 19 de outubro para presentaren a documentación de cara a subscribir posteriormente os convenios nominativos con cada unha delas.